Presentación
O programa de prevención de drogodependencias “CINENSINO” englóbase dentro do contexto de Educación para a Saúde e pretende ser un instrumento complementario nesta área e dentro do actual sistema educativo. Para iso o programa debe ser asumido polo centro educativo ao que se lle facilita asesoramento, medios e formación imprescindible para que sexa impartido polo propio profesorado.
Este programa utiliza como soporte base o cinema; mediante a proxección de tres películas irase profundando e traballando en diferentes temas de interese relacionados coa prevención do consumo de drogas.
O programa consta dun curso de formación en drogodependencias para o profesorado, a proxección de tres películas en formato 35 mm e de tres módulos principais ou unidades didácticas para traballar cos alumnos secuenciadas en catro sesións por unidade. Cada sesión consta dunha serie de explicacións dirixidas polo profesor/a que permiten definir e orientar os contidos sobre os que se vai traballar e dunha serie de exercicios e de actividades que faciliten a reflexión e a participación dos alumnos/as.
¿Por que nos centros educativos?
O eido escolar posúe un interese especial para a posta en marcha de accións de carácter preventivo e constitúe un contexto privilexiado para impartir programas de prevención do consumo de drogas. Algunhas das vantaxes que ofrecen os centros educativos para traballar nesa tarefa son:¿Por que por medio do cinema?
- A institución educativa acolle durante uns anos á práctica totalidade da poboación adolescente, é este sector da poboación o considerado como de maior risco en canto ao inicio do consumo de drogas.
- Por razóns de idade, esta poboación é bastante homoxénea e especialmente educable, de maneira que se poden impartir coñecementos, adquirir actitudes e establecer certos hábitos dunha maneira gradual e persistente.
- Os adolescentes pasan a maior parte do tempo na institución educativa, que é ademais, un micromundo social polo que a súa normativa e funcionamento é xeneralizable a outros contextos.
- A escola pode detectar problemas temperáns e orientar cara a alternativas máis adaptativas e enriquecedoras, contando coa participación dunha serie de mediadores sociais moi amplo: pais/nais, profesores/as, alumnos/as, psicólogos/as; así como outros axentes sociais que actúan en conexión co contorno escolar.
É evidente que os medios de comunicación audiovisuais son unha ferramenta privilexiada para lexitimar comportamentos. O cinema axuda a observar, non só vendo, tamén sentindo, fainos críticos e abertos a unha linguaxe máis global. Pode ser considerado como un medio de comunicación sen máis, como unha creación artística, como unha fonte de coñecemento, como unha alternativa de ocio e goce... pero tamén vemos nel unha maneira de ensinar ou de aprender actitudes e comportamentos máis saudables. Desde este punto de vista, o cinema é a nosa ferramenta pedagóxica na aula.